mércores, 14 de outubro de 2015

A peregrinaxe interior

Rue Saint-Antoine nº 170
Unha ampla exposición ubicada no espazo adicado ás mostras temporais do sexto edificio do Museo de Pontevedra, amosa e descubre o feito polo creador Sergio Portela, pouco dado a pecharse entre as paredes dunha sala de exposicións, e acostumado a que as súas pezas se relacionen de xeito permanente con diferentes espazos.


A arte como camiño. A arte como expiación do eu máis íntimo. Enfrontarse a cada unha das pezas de Sergio Portela é deterse nun instante da súa vida, unha loita entre o eu artista e o eu persoa coa perversa influencia do que supón o entorno no que un se move. Non é esta unha exposición para deixar indiferente ao público, nin tan sequera para entendela como un constante canto á beleza, da que hai moito, certo, senón como unha beleza entendida coma terapia, como ansiolítico dunha relación co medio no cal o creador non sempre se sinte cómodo. 
Esculturas, fotografías, arquitecturas ou pinturas conforman un escenario que ten algo de santuario, de lugar litúrxico no que abondar na identidade do autor, e quizais, ata dun mesmo. As súas esculturas fan da súa potencia unha arma de seducción que se esvae pola delicadeza que se recoñece en moitas delas. Un contraste que turba a nosa mirada, que fai que nos afastemos durante un instante para logo voltar a dialogar con elas, a mergullarnos no que se desprende deses volumes que son un salvavidas para que nos aferremos a el, como antes fixo o seu autor. Unha mostra chea de personalidade, de carácter, de entender a arte como unha manifestación puramente persoal afastada de modas ou caprichos voluptuosos. Dende a pintura, a escultura ou a fotografía Sergio Portela rastrexa a súa peregrinaxe a través da vida baixo o comisariado de Antón Sobral e Patricia Trigo.
Percorridos interiores e exteriores, dores e medos xunto a descubrimentos e ledicias, todo elo feito molde dende o que suxerir formas que se instalan no aire, normalmente en estudada relación co seu emprazamento, pero aquí, dadas as circunstancias da mostra, sen esa vinculación coa contorna, quedan enfrontadas ao visitante dun xeito ousado ao principio para irse xerando unha sorte de complicidade a medida cun pasa ao seu arredor, que percibe sensacións, que descubre a a súa harmonía, a consecución dunha beleza que reafirma o carácter atemporal da escultura, a súa implicación no tempo e na cultura como argumentos dende os que enfrontarse ao mundo.
Percorremos a exposición e sentimos algo semellante a cando camiñamos polo Museo de El Cairo ou polo Museo Británico,  a maxestuosidade dunha escultura que xorde do mundo clásico, das culturas primitivas que fixeron do corpo base da súa expresión e relación co mundo para, dende un mimetismo técnico abraiante, ao cal non se renuncia como parte do proceso, evidenciado en varias pezas co seu respecto polo pasado e polos artistas que traballaron moitas veces de xeito anónimo, dende a importancia do modelado ou as necesidades dos materiais.
E xunto ao tacto as experiencias, o viaxar de xeito continuo dende esta Pontevedra na que se refuxia pero da que precisa voar para coñecer novos territorios, novas miradas, novos latexos humanos. Na exposición concéntranse moitos deses aspectos a través dunhas fotografías que nos resintonizan con outras latitudes e que non deixan de mirar cara ese eu íntimo e a súa conexión co mundo que nos rodea. E se falamos de conexións estas vólvense moito máis intensas cando nos achegamos ao eido da pintura. Si, a pintura.Sergio Portela ademais das súas bondades como escultor, abofé que moito máis coñecidas, é un extraordinario pintor, aínda que a vida obrigouno a deixar nun segundo lugar esa técnica, na exposición sentimos o que podería dar de si de continuar pintando.
Ante as súas pinturas estremecémonos. Sentimos que algo nos perturba, que non somos quen de calmar a nosa alma. Ese desacougo, premeditadamente buscado polo artista, é parte do que aconteceu nese tempo pictórico pero tamén vital. Dous vectores que axitan unha mesma vida.



Década dos noventa. A morte movíase coma unha bandada de voitres arredor de Sergio Portela. Amigos esnaquizados nos cantís da desesperación, as drogas, os excesos, a autodestrución... unha chea de forzas negativas que fixeron agromar un impulso interior convertido en acto creativo. As forzas poideron apuntar cara outro lado, repetir os equilibrios sinistros dos outros, afortunadamente non foi así e esa enerxía concentrouse nun estudo, nun taller no que entre a escuridade xurdiu un fío de luz que tivo a complicidade dos pinceis e a pintura expurgou conciencias e sentimentos para converterse en cadros. Impresionante rexistro do acontecido que agora se amosa como unha Sixtina da memoria revivida. Non é sinxelo enfrontarse ás obras do pasado, extraelas dese estudo no que estaban apiladas, esquecidas, descoñecidas polo público, de espaldas ao seu propio autor. Pero elas seguían aí, latexando, ocupando un espazo, en definitiva, sendo unha presenza que agora faise nosa, pretendendo unha complicidade que o primeiro que acada é o impacto pola súa disposición, o barroquismo dunhas paredes cheas destas vanitas que nos fan pensar que a beleza no só reside nos corpos serenos e voluptuosos das salas que as rodean, senón que ese ‘Senso Sublime’ é unha búsqueda continua no camiño. Nos cantos escuros, pero tamén nos horizontes abertos do mar ou ao abeiro dunha árbore, sentindo, no seu interior, o palpitar da madeira, á procura da vida.



Publicado no Diario de Pontevedra 5/10/2015
Fotografías Gonzalo García

Ningún comentario:

Publicar un comentario