venres, 16 de marzo de 2018

A xesta galega de Matilda Anderson

Rue Saint-Antoine nº 170
Fotografía ▶ O seu labor foi unha das grandes fazañas realizadas por unha muller na España das primeiras décadas do século XX. As seis viaxes da fotógrafa Ruth Matilda Anderson a España, con dúas estancias en Galicia, serviron para deixar constancia dun tempo e dunha realidade que sen o poder da imaxe sería imposíbel recuperar.




É unha das grandes coleccións de fotografía da historia do ser humano. Miles de fotos que saíron da cámara de Ruth Matilda Anderson (1893-1983) encargadas pola Hispanic Society of América dentro dun programa de traballo que respostaba ao interés do fundador deste institución, Archer Milton Huntington, pola cultura española e o seu desexo de formar un museo cun contido adicado á España. Falamos dos primeiros anos da década dos vinte cando esta Sociedade, creada en 1904, encarga a unha muller fotógrafa, a realización dunha serie de fotografías para documentar a vida e os monumentos de España. Así é como Ruth Matilda Anderson comeza unha serie de seis viaxes a España, dos cales dous terán a Galicia como obxectivo importante. O primeiro deles entre o 7 de agosto de 1924 ata o 28 de agosto de 1925 e o segundo entre o 14 de novembro de 1925 ata o 31 de maio de 1926. Esas xornadas convertéronse en miles de fotografias, parte das cales exhíbense no Café Moderno de Pontevedra de Afundación ata o 21 de abril, unha oportunidade única para enfrontarse cun universo perdido, cunha forte carga de interese para numerosos traballos de investigación, pero tamén, polo simple feito de abrir esa fiestra ao pasado, atopándonos cunha mirada cara espazos absolutamente perdidos xa para unha sociedade que só mediante estas visións pode ser quen de recuperar ese pasado.
Muller de carácter forte o seu traballo en España tamén ten que ser valorado dende a posición dunha muller nun tempo no que o papel destas rara vez afrontaba empresas deste tipo. Adicándose a un traballo artístico e creativo, afastada do seu país e traballando noutra sociedade que neses anos debía semellar un ambiente ben exótico. O 7 de agosto de 1924 Ruth Matilda Anderson chega ao porto de Vigo cunha gran cantidade de caixas cheas de material fotográfico. Dende ese día desenvolverase unha das xestas fotográficas máis importantes feitas en Galicia.
Aquela Galicia que en materia de comunicacións era un territorio do máis complexo contemplou a esta muller desprazándose en trens ou autobuses polas catro esquinas da nosa xeografía. Dende grandes cidades ata pequenos escenarios rurais, a súa cámara disparou cara o interminábel número de realidades das que se nutre esta terra.
Costumes, festas e ritos; Transportes, Traxes, Traballos e oficios: Feiras, agricultura, o mar, e as cidades son algúns dos capítulos nos que se dividen estas imaxes para tentar acadar así unha catalogación axeitada. Como acontece con este tipo de exposicións, o traballo de Ruth Matilda Anderson, sorprendente aínda hoxe pola calidade da execución, permanencia e conservación dos materiais, permite comparar como eramos e como somos hoxe, como mudaron os espazos nos que desenvolvemos a nosa vida e como se adicaron a cuestións ben diferentes do que hoxe. Se vemos as imaxes de Pontevedra incluidas na exposición atopámonos a Praza da Leña coa súa función habitual nese tempo, a mesma que lle deu nome, como foi o de ser o espazo adicado á venda de leña. Tamén, na súa contorna, recoñecemos o edificio que nun futuro próximo ocuparía o Museo de Pontevedra, o edificio Castro Monteagudo, ou unha imaxe da rúa Princesa desembocando na praza do Teucro na que aínda se adiviña a rotulación da Imprenta Peón.
Tal e como acontece con Pontevedra, Marín, Cangas, O Porriño, Domaio, Cambados, Vilagarcía de Arousa ou Tui, todas as imaxes que reflicten eses escenarios conforman un itinerario pola nosa identidade a través de persoas, paisaxes e ambientes que en moitas ocasións significaron para a fotógrafa unha loita contra si mesma, e contra as condicións de traballo, pero Galicia tamén íase adentrando cada vez máis na súa alma e as súas primeiras fotografías centradas nas cidades ou nas arquitecturas, foron pouco a pouco sustituíndose pola humanidade da xente, o seu quefacer diario, os obxectos, en definitiva, a vida que se agocha tras este tesouro feito fotografía por Ruth Matilda Anderson unha heroína que chega, de novo, a Pontevedra.


«Nuestros compañeros de viaje eran gente del campo, las mujeres, envueltas en mantos negros de cuadros y los hombres, en mantas de cuadros marrones. Los cogimos en mitad del almuerzo: en la mano izquierda tenían una especie de jamón rojo o salchicha, mientras bajo ese mismo brazo apretaban contra ellos un buen pedazo de pan; la mano derecha serví para coger la navaja con la que cortaban un trozo de pan y otro de jamón, que se llevaban a la boca ayudándose con la propia navaja, una navaja terrible, lista para, en cualquier momento, rebanar un corazón o rajar una boca”.

(Ruth Matilda Anderson).

Publicado no Diario de Pontevedra 12/03/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario