venres, 2 de marzo de 2018

Cando as palabras asustan


    Arrinca o mes de marzo coas mulleres poñendo o pé no acelerador e purrando ata o fondo en forma de accións que procuran acadar a visibilidade necesaria para chegar a unha igualdade co home, para á que aínda hai que coller moita velocidade. 
     Pontevedra, entre hoxe e mañá, acollerá no Teatro Principal un encontro de mulleres columnistas que baixo o título de ‘As mulleres que opinan son perigosas’, acollerá a un bo número de mulleres que se adican a escribir en prensa, a poñer negro sobre branco o que opinan sobre aquilo que acontece ao seu arredor, e isto, ao que ao mellor non lle dan vostedes moita importancia, si que a ten, xa que aínda son moitos os directores de xornais que aínda non ofrecen espazos de visibilidade para que as mulleres, moitas xa nas súas redaccións, opinen e amosen as súas inquedanzas sobre o que nos rodea. Afortunadamente esta situación cada vez máis vai mudando e as mulleres colonizan espazos que ata non hai moito tempo eran ocupados únicamente por homes. Algúns chamados xornalistas aínda deben pensar que o columnismo femenino é unha especie de disciplina adicada a obras e reformas domésticas, cando á súa presenza é obrigada, xa só dende o punto de vista de que a súa ausencia deixa fóra do debate a unha parte da poboación, e un xornalismo que se teña por tal ten que achegarse ao conxunto, e non só primar unha parte do mesmo.
     Opinadoras de ámbito nacional e galego plantexarán a súa mirada sobre esta situación e terán en Pontevedra o altofalante obrigado nunha cita que responde a outros encontros a nivel estatal nos que a presenza da muller foi pouco menos que anecdótica, algo que Pontevedra quere revertir, como co seu rueiro masculinizado que reflicte os tempos nos que a muller estaba máis na casa que na propia rúa. A decisión de mudar o nome da rúa Fernández Ladreda (ministro franquista) pola profesora e escritora María Victoria Moreno, a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas, é outra medalla para o peito desta cidade e un motivo de honra para todos nós ante o que non debería existir a polémica na que uns e outras abofé gustarán enlearse, cando parece que poucas cuestións se poden poñer en contra desa decisión.
     Cona é unha palabra. E como tal non pasa de aí, para que a moitos lles saian ronchas na pel cando a escoitan como un berro, que é ao fin e ao cabo é o que é dentro da campaña que o BNG pon en movemento de cara ao 8 de marzo. Os que pensan que é unha palabra malsoante non se deteñen a pensar que o que soa mal é o que temos escoitar día tras día sobre o que lle toca á muller hoxe: as diferencias salariais cos homes, as vítimas da violencia de xénero, abusos de todo tipo, a presenza mínima nos círculos de decisión en moitos sectores da sociedade. Como malsoante é escoitar a moitos políticos agochar esta situación e darlle as costas cando eles son os que teñen a capacidade de que estas situacións se corrixan. As palabras nunca soan mal, so soan mal nalgunhas cabezas.

Publicado no Diario de Pontevedra 2/03/2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario