Rue Saint-Antoine nº 170
Literatura. Nun
ano cheo de actividades arredor de Mª Victoria Moreno co gallo da
súa escolla para protagonizar o día das Letras Galegas o Concello
de Pontevedra aprobou un cambio no rueiro da cidade que fará que
Pontevedra, a súa vila de acollida, e onde desenvolveu a súa vida,
teñá xa para sempre o seu nome como unha lumieira acesa.
Homenaxe dos libreiros a Mª Victoria Moreno na Feira do Libro de Pontevedra no 2001 (Xan Xiadas) |
O ÚLTIMO pleno do
Concello de Pontevedra deixou, polo menos, dúas cousas en evidencia.
A primeira que os nosos políticos teñen a posibilidade de xuntarse
afastándose da miopía das siglas e poden poñerse ombreiro con
ombreiro cando a situación así o precisa sen que o mundo deixe de
xirar; e a segunda, é que Pontevedra é unha cidade agracecida cos
que fixeron dela o seu motivo de inspiración e traballo. María
Victoria Moreno, dende a súa chegada á nosa cidade en 1963, non só
fixo agromar a súa narrativa dende a súa descuberta e paixón pola
lingua galega, senón que desenvolveu un labor marabilloso arredor da
xuventude facendo que nela alicerzase o amor pola lectura pero tamén,
ou mellor dito, por riba desa misión, a forxa dunha almas valentes e
libres que sentiron na presenza desta muller a confianza que tantas
veces se lles nega á mocidade.
A decisión do Concello
de Pontevedra de sustituir a rúa Fernández Ladreda, nome dun
ministro franquista, polo de MªVictoria Moreno, non só é un xesto
de conciencia polo de borrar do noso rueiro a un protagonista da
dictadura, senón que plantexa a necesidade de reivindicar a mulleres
protagonistas da nosa historia que nunca tiveron recoñecemento
algún. E, se nos referimos a nosa protagonista, colócanos ante a
homenaxe permanente a unha muller engaiolada dunha lingua que
empregou para sementar novos lectores e abrirlles as lumieiras da
lectura, converténdose agora, ela mesma, nesa lumieira que estará
sempre acesa no noso rueiro.
O propio concello de
Pontevedra vén de presentar nestes días a próxima publicación dun
libro adicado a Mª Victoria Moreno dentro do programa ‘Memoria das
mulleres’ da man de Montse Fajardo que irá mais alá do seu labor
como escritora e conducirá o relato dende os fíos que a enguedellan
coa propia cidade e as persoas que estiveron ao seu arredor. Este
libro será un máis dentro da reedición de obras súas que estanse
a producir e que estarán no mercado cunha maior intensidade á
medida que nos acheguemos ao Día das Letras Galegas, a ela adicado.
Os que si xa están en
circulación son dúas biografías publicadas por Xerais e Galaxia,
respectivamente. A saída do prelo da primeira é ‘Mª Victoria
Moreno. a muller que durmía pouco e soñaba moito’, escrita por
Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, mentres que a segunda chega da
man de Montse Pena e leva por título ‘A voz Insurrecta. Mª
Victoria Moreno, entre a literatura e a vida’. Ambas son dúas
marabillosas maneiras de achegarse á escritora poñendo ante nós a
posibilidade de descubrir, dunha maneira amena e didáctica, pero sen
afastarse da rigorosidade, o que foi a súa vida e que, como escribe
Montse Penas no limiar da súa biografía de Galaxia, vai «das súas
angueiras de escrita, o seu labor como profesora apaixonada e a súa
aposta polo galego». Tres vértices nos que se moveu ao longo da súa
vida quedando o persoal moitos veces colocado incluso tras eles.
Pola súa banda Fina
Casalderrey e Marilar Aleixandre engádenlle ao seu relato ese
aloumiño na meixela que outorga a complicidade e a amizade a través
de moitos anos (ben certo que moitos menos dos que todas houberan
desexado) e que nos leva, polo tanto, por un relato cheo desa
intensidade que tan ben lles senta ás biografías, moitas veces
repletas de frías liñas.
Pero no caso de Mª
Victoria Moreno, a palabra frialdade non encaixa en ninguén que
escriba sobre ela, tanto os que máis ou menos a coñecían, ou, como
quen isto suscribe, sen a fortuna de tela coñecido persoalmente.
Pero hai persoas que chegan a un a través non só dos seus feitos,
senón da palabra dos demais, de cómo falan dela, de cómo asumen a
súa dolorosa ausencia, de cómo describen o que foi a súa vida, no
persoal e no profesional, e fan que escribir de Mª Victoria Moreno
sexa escribir dalguén que coñeces case dende que chegou a
Pontevedra para darlle acubillo a moitos deses ‘cachorros’, como
ela mesma se refería aos seus alumnos e alumnas. Primeiro mulleres
do Instituto Feminino, e posteriormente doutros centros, como no que
deixou fortes raíces e longas polas das que pendurarse, perfecta
metáfora desa colección inesquecíbel, de nome ‘Árbore’ que
impulsou en Galaxia. Esa árbore inagotábel foi e é a súa presenza
no IES Torrente Ballester reflectido na Biblioteca do centro que leva
o seu nome
Libros, lectores e
lectoras, a todos eles adicou a súa vida sabedora da paixón que
podía trasmitir coa lectura, cunhas narracións nas que os xóvenes
podían sentirse reflectidos sen sentirse parvos. A eles referiuse
sempre sendo consciente da súa capacidade para entender o mundo e
relacionarse con el. A través desas miradas é como Mª Victoria
Moreno miraba ao mundo, e cara ela mira Montse Penas dende os Anos de
infancia e Mocidade, A chegada a Galicia e a descuberta do galego, O
seu labor como filóloga e traductora, O recoñecemento da súa
escrita e O pulso á enfermidade. Capítulos dunha vida que para Fina
Casalderrey e Marilar Aleixandre convértense en A libraría dos
libros prohibidos, Lembranzas da infancia: Quen caeu na fonte?, Orfa
de pai, Os cachorros de María Victoria, Na pel doutras persoas e
Tirar a luz da sombra. Cada un deses capítulos ou deses libros son
os latexos dunha vida que seguirá latexando na nosa cidade, na dela,
e que terá un novo camiño polo que lembrala en forma de rúa, en
forma de lumieira acesa.
Publicado no Diario de Pontevedra 19/03/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario