Camelias e libros latexan hoxe en pontevedra. As cores das nosas flores máis senlleiras e as historias máis engaiolantes forman parte neste sábado dunha paisaxe na que os ventos do inverno se agochan nos cantos das rúas pelexando cun sol paseniño que intenta facerse forte. Como fortes somos nós ao acubillo de flores e palabras. Das camelias, das nosas camelias, ás que se rende devoción no Edificio Sarmiento pola súa beleza e fidelidade. Ben diferentes serían as nosas rúas e prazas sen os seus escintilantes reflexos, ou sen os mantos que deixan no chan que pisamos alporizados polo seu madrugador espertar, cando a primaveira aínda é un soño co que rematar o inverno. Levantemos a gran bandeira da imaxinación, a partir das árbores das que penden, do mesmo xeito que penden as palabras das polas dese Salón do Libro que agroma cada ano como agasallo para os nosos cativos e para nós mesmos, e empecemos con ela a afastar aos demos que nos fan tolear a cabeza e ensombrecer a alma. Poñamos ambas a salvo das miserias que cada día estoupan ao noso arredor, fagámonos fortes cos fachos das camelias e a fachenda das palabras para, alomenos durante uns días, desfrutar do que é verdade e paixón, daquelo que nace da natureza e da creación para facernos máis valentes. E fagámolo, como non: A toda máquina!
Publicado en Diario de Pontevedra 2/03/2012
Ningún comentario:
Publicar un comentario