domingo, 1 de decembro de 2013

Cando emerxe o risco

‘Cadeas’ é unha novela de novelas. Un baúl de historias que denotan unha prodixiosa capacidade para fabular, para imaxinar. A novela iníciase a partir da anécdota dun escritor que descobre na praia unha muller nova que le unha novela súa.


Aparecen estas ‘Cadeas’ baixo o recoñecemento de acadar este ano o Premio Xerais de novela, un pulo na carreira de Xabier López que xa confeccionara novelas de importancia como ‘A estraña estrela’ ou ‘A vida que nos mata’. Títulos que tamén forman unha sorte de cadea en canto á posición do escritor na procura dun estilo propio, a teima de todo autor que se preze por atopar un xeito de narrar e sobre o que, abofé, leva dado moitas voltas.De seguro que nestas ‘Cadeas’ acada parte da solución a un problema que, afortunadamente, para a literatura nunca deixará de enmarañarse según o maxín de quen o plantexe.
No libro que nos ocupa todo arrinca coa visión dun autor dunha muller nunha praia lendo un libro seu. O cazador cazando a esa presa sobre o que todos os escritores se teñen preguntado en innumerables ocasións. Ese encontro levará ao inicio dunha relación na que se abrirán pequenos caixóns para que todos nos preguntemos sobre o que pode considerarse unha novela hoxe en día. E de feito, un dos logros desta obra, é o de facer que o espectador non pemaneza alleo a ese debate, é unha vez que entra no xogo plantexado polo autor, ir da súa man visitando e revisitando as posibilidades da novela como xénero.
Falamos dun longo relato sen alteracións narrativas ou de curtas historias que se van anoando con independencia do seu estilo: guións, cartas, memorias... en definitiva, Xabier López acada de xeito brillante plantexar ese debate dentro dunha novela que tamén é quen de discutirse a ela mesma, o que non deixa de ser un trazo de intelixencia ao expoñerse o autor sobre unha columna ao escarnio público. Pero que sería a novela e a literatura sen ese risco que emerxe das escuridades insondables da literatura e tamén da alma humana?
De feito non debemos deixar de lado que Xabier López ademáis do territorio da experimentación, tamén procura percorrer outro non menos agreste, aínda que igualmente satisfactorio, o da alma humana, o lume aceso que alimenta calquera bo relato, e o éxito para que o lector desexe pasar páxinas. Os diferentes relatos que compoñen esta cadea literaria afrontan directamente esa mirada á alma, ben a través duns rapaces na adolescencia das súas vacacións en Galicia, cun fermosísimo relato sobre Manuel Antonio ou coa historia dun músico, elos que se van fiando dende esa cea na que o autor e a súa lectora, aquela que descubrira cun libro seu na man, falan do que é unha novela, chegando a un intre, nunha desas conversas, no que o libro revela todo o seu senso para que todos entendamos a proposta do autor. Dende aí e ata o final da novela o lector non pode máis que dar por boas as inquedanzas vividas ate ese punto, para logo seguir lendo cos ollos ben abertos e o corazón enchido polo valor de Xabier López para botarse río arriba, como o Marlow do ‘O corazón das tebras’, á procura do que nin el mismo sabe que se vai a atopar, un segredo do que xa non se poderá separar xamais porque é o berce da súa escrita.
Así é como esta novela, ao chegar ao remate, o que consegue e que quedemos coas gañas de volver a ler algúns deses relatos que funcionan como narracións individuais, afastadas, unhas máis que outras entre si, aínda que o autor tamén se reserva algunha que outra sorpresa en torno a elas. Contos ou historias que xorden como a propia vida, dende a variedade de situacións, dende o amoreamento de lecturas e ouvidos que van sedimentando para formar o noso sustrato literario, en definitiva, o que dalgún xeito somos. Non dubiden que este libro quedará xa para sempre no seu sustrato persoal como un achádego deses aos que, por moito tempo que se lles bote enriba, sempre sentiremos o seu latexo.

Publicado na Revista de Diario de Pontevedra e no Progreso de Lugo. 1/12/2013 

Ningún comentario:

Publicar un comentario