REMATOU o Culturgal co pracer que deixan as cousas ben feitas. Montaxe e
organización, xunto á brutal resposta do público (e logo din que a cultura non
interesa, pobriños) deixan no padal ese bo gusto de ter pasado as horas a carón
daqueles que fan do seu traballo o goce do público. Todo un luxo poder escoitar
un concerto de Pablo Díaz e a súa banda presentando o fermoso ‘Toc-Toc’,
asistir ao nacemento dun novo medio de comunicación en papel como é Luzes,
escoitar a conversa de Pedro Feijoo e Diego Ameixeiras sobre os seus libros, ou
iso creron eles, según Camilo Franco; escoitar a Manolo Rivas ler un conto a
centos de rapaces, para logo cantar xunto a eles, ver as facianas dos cativos
escoitando a Mamá Cabra, ollar a moitos nenos traballando nos obradoiros,
coller nas mans as preciosidades que fan editoriais como Urco ou Rinoceronte,
ver a xente mercando libros... iso foi o Culturgal.
Entre Dous. Diario de Pontevedra 2/12/2013
Ningún comentario:
Publicar un comentario