No mes do libro e no ano en que se celebra o 150 aniversario da
publicación de ‘Cantares gallegos’ a obra de Rosalía de Castro non deixa aínda
de xenerar novas imaxes e novas sensibilidades en creadores tan actuais como a
Licenciada en Belas Artes, Belén Padrón.
Pouco podía imaxinar esta rapaza formada na pontevedresa Facultade de
Belas Artes que o tempo a ía levar a ilustrar unha obra sobre Rosalía de
Castro. E é que Belén Padrón ven a compoñer unha das últimas achegas, neste
caso dende a plástica, á obra da nosa poetisa eterna. Falo de eternidade porque
tamén pouco se podía imaxinar aquela muller que a súa poesía íase manter no
noso tempo cunha vixencia que o que ven é a confirmar a súa valía literaria.
Así é como ambas se deron unha forte aperta a través da publicación por
parte da Editorial Kalandraka (recentemente recoñecida co Premio Nacional a la
mejor Labor Editorial) dunha ‘Escolma Poética’ que recolle algunhas das
mellores composiciónes da poetisa, ilustradas cunha serie de obras de Belén
Padrón. Falamos de trece textos e as súas correspondencias visuais, que se
converten así nunha singular interpretación do que eses poemas significan para
a nosa artista plástica.
«Os poemas son suxerencias e emoción pura e as ilustracións tiñan que
coexistir con eles da mesma maneira», afirma Belén Padrón ao repasar o que foi
aquela aventura que a levou a mergullarse na obra da poetisa, así como a buscar
a súa posición conceptual fronte o encargo, algo que lle preocupa moito ante
cada traballo ao tempo que é un chanzo insalvable á hora de poñerse a traballar
na plasmación visual, e ahí é onde Belén Padrón saca o mellor de si mesma. E o
mellor é o seu plantexamento pictórico ao facer da súa pintura un territorio
lírico cheo de experiencias persoais que se van depositando como sedimentos na
superficie de traballo, onde a carón dunha fonda percepción estética hai toda
una morea de elementos simbólicos que serven para engrandecer a narración, e
que no caso destas ilustracións afondan nas sensacións que Belén Padrón atopa
nese poemario ao falar de «beleza, dor, perda, inmensidade, autorretrato,
tempo, medo, feminidade e imaxinación» e que ela é quen de reinterpretar
visualmente para chantalo en cada un dos seus poemas. Por que a súa forte carga
lírica converte a cada unha desas imaxes nunha especie de poemario visual que
convive a carón dos poemas de Rosalía de Castro.
Cando en 1863 Rosalía de Castro publicou ‘Cantares gallegos’ puxo o
idioma galego a rodar saíndo da escuridade á que estaba sometido dende hai
moito tempo. A consideración da lingua galega como parte dun sistema culto de
expresión, como é a literatura ou a poesía, deixou a esta obra xa como un
referente na literatura galega, abríndolle as portas á modernidade. Pero
Rosalía tiña aínda moito que dicir e chegaron ‘Follas novas’ e ‘En las orillas
del Sar’ artellando o gran tríptico literario da nosa gran dama das letras e
dos que sae esta escolma poética. Convertida xa en símbolo dunha terra,
achegarse á Rosalía de Castro non é nada doado de cara á intervención doutro
creador, precisamente por esa sensación de atoparse ante un tótem que a pouco
que un non atine pode meterse nun lío. Pero Kalandraka andivo fina ante a
escolla desta ilustradora que xa antes tiña traballado en diferentes títulos
pero sempre cunha característica que lle da forza ao seu traballo como é o non
renunciar a súa linguaxe pictórica.
A vida laboral levouna a pasar unha longa tempada fora da casa o que a
levou xusto neste intre a empatizar coa propia escritora que tanto tempo pasou
en Madrid lonxe desta terra que protagoniza a súa obra. Esa distancia, o feito
da creación e o punto de vista dunha muller achegaron moito ambas almas ata o
punto que a admiración anterior ao longo do traballo converteuse nunha
afinidade certamente impensable cando xorde o encargo. Todo eso axudou a que o
poemario remate curiosamente cun poema de Belén Padrón cheo de reflexións sobre
o que foi esta relación esporádica e que remata así: «Murmurando as túas
palabras/achégome a ti,/dime/que pasa ó redor de min...?».
Non cabe dúbida de que crear é camiñar arredor, tanto dun mesmo como da
sociedade na que un habita. Ambas mulleres así o fixeron, dende a palabra ou
dende a imaxe, para falarnos de si mesmas e a súa relación co que lles rodea.
Unhas miradas que baixo unhas tapas duras xa quedaron enguedelladas para
sempre.
Relacións esporádicas/4.
Publicado en Diario de Pontevedra 1/04/203
Ningún comentario:
Publicar un comentario