martes, 30 de abril de 2013

Porto, 48 horas


Tan cerca xeograficamente como aínda lonxe na nosa perspectiva mental, a cidade de Porto emerxe coma unha pantasma na que se mestura unha mirada ao tradicional mundo portugués e unha nova mirada chea de modernidade que conecta ao país con esa Europa que agora lle está a facer a vida imposible. Percorrer durante dous días as súas rúas, entrar nos seus tradicionais establecementos ou achegarse á Ribeira, fronte ás adegas de Gaia, é un itinerario que sempre sorprende, e máis aínda se levamos algún tempo sen visitala.




Facía algúns anos que non me achegaba a Porto, a segunda cidade de Portugal, con preto de 240.000 habitantes. A memoria adoita ser caprichosa cando pasa o tempo e os recordos se van difuminando. Así é como acordaba unha vila que esmorecía baixo unha pel gastada na que a pegada da súa tradición e as súas típicas postais: as casiñas de cores da Ribeira coa roupa posta a secar nos seus balcóns, a ponte de Luis I ou os azulexos da Estación de San Bento eran case a única referencia da cidade. Volver a Porto na fin de semana de Pascua, nunhas xornadas de forte celebración no país luso, tiña por obxectivo recuperar todas esas imaxes para seguilas apuntalando na fráxil memoria.
A curta distancia con Pontevedra, uns 160 quilómetros, converten a esta vila nun destino de fácil acceso e que permite asentarse nun escenario moi diferente ao que nos rodea. Dúas xornadas permiten achegarse a todos eses recunchos que antes citabamos como escenarios recurrentes ao falar de Porto. Espazos cheos de turistas e que a cidade coida, sabedora da súa importancia económica. Xorde a palabra economía, e falar de Portugal, dende o punto de vista que sexa, significa tamén falar de economía, deses recortes que cada vez máis afogan a un país intervido por Europa e no que ao percorrer as súas rúas un atopa esa miseria en forma dun gran número de indixentes que buscan refuxio en centros comerciais ou espazos máis recollidos.

A primeira saída vainos levar ata un escenario de película. A histórica librería Lello, onde se filmaron varias secuencias de Harry Potter, lévanos a percorrer un fermoso itinerario salpicado de turistas británicos e xaponeses. A rúa Santa Catarina, epicentro comercial de Porto, é un ir e vir de turistas sobre o seu especial chan composto por miles e miles de teselas. Nos seus baixos moitas das grandes franquicias de moda amoréanse para acoller a eses turistas que prefiren gozar do bo día que fai en previsión das xornadas de chuvia que poden vir. Nesa rúa pasamos por diante do emblemático Café Majestic, fundado en 1921 naqueles fantásticos anos vinte cheos de ledicia. O café foi o primeiro que permitiu a entrada ás mulleres e, no seu interior, ante todos eses espellos, un semella viaxar no tempo ata aquela épocas. Sobre a escritora británica J. K. Rowling, que viviu en Porto, dise que escribiu aquí algúns capítulos das historias do novo mago. Ao final desta rúa atopamos a forte pendente que ten a rúa 31 de Janeiro, o seu asfalto ten a fenda dos raís por onde pasa de xeito permanente un tranvía con forte presenza de turistas. Dende o alto desa rúa atopamos unha fermosa vista da Torre dos Clérigos, un dos elementos simbólicos da cidade; e case ao seu pé unha longa ringleira de xente espera a que unha persoa lles facilite o acceso á Librería Lello, que ten un tirón entre a xente como poucas no mundo. Tanto é que durante estes días está aberto o debate sobre o interese dos seus donos por cobrar unha pequena cantidade para o acceso ao interior, de cara a facer fronte ao desgaste que sofre ese espazo. E o seu interior é certamente engaiolante. A súa gran escaleira central abrázate dun xeito case máxico, ao tempo que polos lados longas ringleiras de libros intentan evadirnos da arquitectura da librería. Pessoa, Camoes, Saramago... os grandes nomes das letras portuguesas non poden faltar e son eles os que se impoñen aos demais escritores. Á saída da tenda, nunha das rúas próximas, ábrese un pequeno mercado con manualidades de grande interese.E é que o concepto de mercado ten unha fonda presenza na cidade. O histórico mercado do Bolhao, aínda conserva a súa antiga estética, e nel flores, pan ou produtos frescos xeran un ambiente doutro tempo. Máis moderno é o Mercado Ferreira Borges, no que se mestura a actividade comercial cunha grande actividade artística. A arte é a que nos leva un pouco máis lonxe da Librería Lello, pasamos ante a Universidade e nos achegámonos á rúa Miguel Bombarda, ateigada de galerías de arte. É a porta que abre a zona máis contemporánea e moderna de Porto, a que completa a Casa da Música, o fantástico edificio do arquitecto Rem Koolhaas, coa súa singular forma xa convertida en símbolo do Porto máis moderno e que nos fai derivar no Museo da Fundación Serralves, todo un referente no seu campo de acción no ambiente artístico.

Volvemos cara o refuxio no que se converte un hotel neste tipo de viaxes, a estancia para o descanso e onde recompoñer a figura cara o día seguinte. É domingo de Pascua e a cidade amanece a un ritmo que nada ten que ver co do día anterior. Dende a fiestra vese como a chuvia o empapa todo e unha bruma fai que todo sexa diferente. Hai que baixar ata o río, ata esa desembocadura do Duero, que en Porto adxectívase coas súas ribeiras. A ribeira que pertence a Porto, coa súa ropa tendida e unha parede de vivendas nas que o tempo deixou constancia do seu paso, enfróntase á ribeira de Vilanova de Gaia, onde as adegas do viño de Porto xeran unha das imaxes máis sobranceiras da cidade. Ambas orelas enguedéllanse por seis pontes, todas elas con algunha circunstancia especial. Así a ponte de María Pita, foi creado polo equipo do arquitecto Gustave Eiffel, ou a Ponte da Arrábida, que no ano da súa creación, en 1963, tiña o arco de formigón máis grande do mundo. Entre elas a Ponte de Luis I é a que sae na maior parte das imaxes que os turistas toman no Cais Ribeira, onde restaurantes, cafeterías e postos de venta ambulante buscan que os turistas gasten algúns euros cos seus produtos, dende o bacallau ao plato típico de Porto, as ‘francesinhas’; ou dende os mandís ata os galos de Barcelos.
No camiño ata esa parte baixa da cidade son varias as rúas que están en proceso de obras. Quizais obras que se prolongarán ao longo do tempo xa que os investimentos reducíronse moito e esas fendas na cidade poden ter complicadas as súas suturas. É hora de marchar, de deixar esta cidade con aroma británico en moitas das súas formas de vida. Antes, outra das citas obrigadas, a Estación de San Bento, cos seus impoñentes azulexos recreando episodios da historia de Portugal. Nela, os viaxeiros que buscan o andén do seu tren non deixan de chocar cos que no recibidor están coa boca aberta ollando a fermosura das paredes.
De regreso para facer as maletas, volvo a pasar pola bulideira rúa Santa Catarina. Os turistas saúdan dende un tranvía que non deixa de percorrer unha cidade que baixo terra conecta o metro, outro dos síntomas dunha modernidade que convive con ese latexo tradicional que xorde desa colección de postais, así como de moitos locais desta cidade que se fai querer. Xentes amables e o gusto de camiñar por espazos cheos de fermosura. A néboa permanece, concedéndolle ese sentir saudoso e morriñento que só o Atlántico é quen de conceder. Só falta unha cousa, a súa música, o seu fado. Chove, e o acubillo concédeo unha modesta sede da FNAC nesa rúa. Alí se escoita unha música engaiolante, con nome e apelido, chámase Ana Moura. E así é como me fago cun anaquiño de Portugal.


Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 29/04/2013

1 comentario:

  1. Adoro, fas que reviva , e que pase contigo pelas ruas, e lugares emblemáticos, aos que acudo cada vez que volto , Porto sorprende sempre, e descubro coisas novas .

    ResponderEliminar