IMOS
celebrar o Día do Libro e farémolo baixo un estado de excepción, unha conxura
vírica que nos ten afastados do mundo exterior, co que iso supón. Os afectos
desterrados, as rúas baleiras e nós tentando afrontar unha nova realidade para
a que nin moito menos estabamos preparados. O mundo estase poñendo moi
diferente a cómo era fai uns poucos días. Que dicir de fai un ano cando os
amantes dos libros desexabamos que este día chegase para botarnos a celebrar o
libro como unha das nosas maiores afeccións e que nos define como un xeito de
construírmonos.
Este
23 de abril vai ser ben distinto a cómo o foi ata agora, pero o noso amor polo
libro debería verse reforzado ante os tempos de escaseza e polo moito que nos
están dando entre as sombras que nos abafan. Durante estes días do desasosego
se tivemos unha compañía fiel foi a dos nosos libros. Moitos deles estaban
agardando, caladiños, á chegada dunha tempada como esta, con horas e horas nas
nosas mans para buscar entretemento, para que os colleramos e saldásemos esa
débeda que tiñamos con eles. Valoremos tras estas xornadas a capacidade do
libro para acompañarnos ao longo das nosas vidas e o pouso que deixan en nós
despois de cada lectura, e cando recuperemos a nosa liberdade voltemos ás
librarías como algo que de verdade é unha necesidade para o ser humano.
Son
moitos os sectores económicos para os que veñen tempos duros. O do libro, que o
é por se algún aínda pensa que non, non vai ser diferente. Escritores, editores,
librarías terán que facer da afouteza un sinal máis da súa valía. Non vai ser
algo novo, nun ecosistema tristemente baseado na resistencia endémica, con
escasos apoios dende as diferentes administracións, pouco cómplices co universo
da cultura. O caso do libro galego, aínda semella máis grave, e del falaba fai
pouco Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras, ao
constatar unhas perdas estimadas dende a edición de catro millóns de euros que,
a estas alturas, abofé que serán xa dunha maior cuantía.
Cando
se abran as portas das nosas vivendas tamén se abrirán as portas das librarías
e será a nosa oportunidade de amosar cal é o noso compromiso co mundo do libro.
Agora si que xa non vale agocharse, nin pedir libros por vías alleas ás nosas
librarías, as que levan semanas pechadas nunha labor milagrosa de resistencia
que temos que apoiar á volta de todo isto. Oxalá todos estén no mesmo sitio
onde os deixamos. Os nosos libreiros e libreiras son parte dunha cidade que ten
a cultura como un dos seus latexos máis fortes e dinámicos, librarías que
mudaron de xeito plausible moitas das súas antigas relacións cos clientes,
baseadas nun mero intercambio comercial, converténdose en axitadores culturais,
propoñendo actividades e participando da nosa cultura. Isto é cómplices da
vitalidade dunha comunidade e saudables compañeiros no camiño.
Borges
dicía que o paraíso é unha biblioteca e as nosas librarías son tamén pequenos
paraísos ao noso carón. Non precisamos ir lonxe a buscar o que un paraíso pode ofrecer.
Quedan tantas lecturas das que gozar, tantas parrafadas que botar cos nosos
libreiros, tantas caricias que darlle aos libros nos andéis, tantos sorrisos
cos que alumear o porvir que temos que celebrar o libro como unha das
esperanzas máis firmes deste futuro cheo de interrogacións.
Publicado no Diario de Pontevedra 22/04/2020
Fotografía: Rafa Fariña
Ningún comentario:
Publicar un comentario